A Xunta asina un convenio coa Universidade de Belgrano (Arxentina) para promocionar o ensino do galego

Actualizado: sábado, 18 marzo 2006 18:03

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Mar. (EUROPA PRESS) -

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, e mailo presidente da Universidade de Belgrano (Bos Aires-Arxentina), Avelino Porto, asinaron onte un novo convenio entre as dúas institucións para promover o ensino da lingua, a cultura e a literatura galegas en Bos Aires.

Dende hai 17 anos esta universidade privada inclúe no seu programa educativo a oferta do galego e a matriculación de alumnos nesta materia medrou dende entón, pasando de 30 alumnos no primeiro ano aos 300 actuais.

A sinatura do convenio desenvolveuse nunca acto ao que asistiron boa parte dos alumnos de galego deste centro, así como o responsable do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Belgrano, Adolfo Lozano, que está ao fronte do programa dende que comezou a impartirse esta materia.

Por outra banda, Marisol López visitou o Colexio Santiago Apóstol, dependente da Fundacióin Galicia América, no que asisten ás clases preto de 500 alumnos que reciben como materia transversal unha formación sobre lingua e literatura galegas. A responsable autonómica mantivo un encontro nesta xuntanza cos responsables do Departamento de Lingua e Literatura Galega.

Asimesmo, reuniuse posteriormente cos responsables da Fundación Galicia América e visitou o Centro Galicia de Bos Aires, no que se desenvolven numerosas actividades para a colectividade galega da capital arxentina.