A Xunta está en contacto coas autoridades arxentinas por se hai vítimas galegas no sinistro ferroviario

Actualizado: miércoles, 22 febrero 2012 21:19

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Feb. (EUROPA PRESS) -

A Xunta indicou que mantén "permanente contacto" coas autoridades locais de Arxentina para coñecer se existen vítimas da numerosa colonia galega asentada no país austral no sinistro ferroviario rexistrado este mércores.

Tanto o secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, como o delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro López Dobarro, mantiveron diversos contactos nas últimas horas con representantes da diáspora galega.

Así mesmo, trasladaron a preocupación do Goberno galego ao ministro de Saúde da Cidade de Bos Aires, Jorge Daniel Lemus, quen precisamente, é fillo de emigrantes galegos.

Nun comunicado, a Xunta indicou que nas próximas horas, a medida que os datos vaian sendo máis fiables, se producirán novos contactos de membros do Goberno galego con autoridades da capital arxentina.

Segundo os últimos datos, a colisión dun tren nunha concorrida terminal da capital arxentina deixou polo menos 49 mortos e máis de 600 feridos, no que xa se cualificou como un dos accidentes ferroviarios máis graves na historia do país.